Friday 26 de April de 2024

O Concello de Brión estrea un “Punto Lila” na Romaría de Santa Minia por unhas festas libres de violencia machista


A primeira noite transcorreu tranquila e as persoas que se achegaron foi para informárense de que era o “Punto Lila”, recibiron folletos informativos e chapas coa lenda “Brión libre de violencia machista”

A Romaría de Santa Minia de 2021 está a ser diferente en case todo con respecto a edicións anteriores. Por unha banda, a pandemia sanitaria obrigou a prescindir de grandes espectáculos que puideran xuntar a milleiros de romeiros, optando por espectáculos de non máis de 500 persoas sentadas. Incluso as misas se están desenvolvendo de acordo aos protocolos de distancia social, o que fai que moitas persoas sigan os oficios dende as distintas entradas do templo.

Pero, ademais, a Romaría de Santa Minia de 2021 inclúe outra gran novidade: a instalación dun “Punto Lila” por unhas festas libres de violencia machista, que está sendo atendida pola nova técnica en Igualdade do Concello de Brión, acompañada polas concelleiras de Igualdade, Rosa Romero; e Cultura, Sandy Cebral. Rosa Romero explica que “o Punto Lila é un punto de atención a mulleres e persoas LGTBIQ+ que foran obxecto dunha agresión machista pero tamén, e agardamos que esta sexa a súa función principal nos próximos días, un lugar de sensibilización e concienciación da nosa sociedade da necesidade de que as festas sexan espazos libres de violencia de xénero”.

Neste sentido, Sandy Cebral explica que “a primeira noite transcorreu tranquila e as persoas que se achegaron foi para informárense de que era o Punto Lila. Todos eles recibiron información dende como atender a unha vítima, que pasos dar, a onde chamar… ata como evitar comportamentos machistas durante as festas tanto contra as mullers como a persoas LGTBIQ+. A maiores, todas as persoas que se achegaron levaron como agasallo unha chapa coa lenda Brión libre de violencia machista”.

O Punto Lila volverá estar operativo este sábado e domingo, en horario de 19:00 a 23:00 horas. Todas as persoas que se acheguen poderán, ademais, participar nun Photocall con 12 carteis con mensaxes contra a violencia de xénero tales como “Non quero o teu piropo, quero o teu respecto”, “Por unha Santa Minia libre de violencias machistas” ou “Nas festas de Brión, con respecto hai diversión”. Se as persoas o autorizan, as imaxes subiranse ao instagram: @igualdade_brion.

Programa

A climatoloxía está marcando en gran parte este inicio da Romaría de Santa Minia. Aínda así, tanto os espectáculos familiares na praza do Concello como os concertos estanse podendo celebrar sen incidencias grazas ás carpas instaladas polo Concello de Brión. A circulación de vehículos está sendo fluída e a gran maioría pode aparcar nos aparcamentos habilitados máis próximos á Carballeira.

Ao longo da mañá de hoxe sábado fóronse instalando os 35 postos de venda na Carballeira, xa que na noite de onte só se colocaran os de alimentación, as dúas cantinas e os cinco polbeiros, que tiveron que traballar arreo durante a noite. Ademais, o tempo respectou o concerto da Banda de Música Santiago de Arteixo, incluída no programa “O país das Bandas” da Xunta de Galicia e o pasacalles do grupo de gaitas da Asociación Cultural e Musical de Bagariño “Alborada”. Para a tarde están programadas as actuacións de Pistacatro con “Oh Olimpiadas!” (18:00 horas, praza do Concello) e o concerto de Manoele de Felisa co seu “Cancioneiro do Camiño” (20:00 horas).

Vésperas

Mañá domingo, Día de Vésperas, a música correrá a cargo das charangas Os Celtas de Negreira e NBA de Betanzos. Pola tarde, Lohengrin Teatro porá en escena “A mirada das Bolboretas”, un espectáculo para toda a familia na praza do Concello, ás 18:00 horas. Unha hora despois, a Escola de Música e Baile Tradicional de Brión ofrecerá o seu tradicional concerto. Ás 20:00 horas, os grupos Carapaus e Os D´Abaixo ofrecerán un concerto previo a unha gran tirada de fogos de artificio simultáneos dende Brión, Bastavales e Viceso. Unha tirada que poderá ser vista dende todos os recunchos do municipio de forma segura e que substitúe á tradicional queima da fachada.

O Domingo (Véspera), haberá oficios relixiosos tanto de mañá (9:00, 10:00, 11:00, 12:00 e 13:00 horas) como de tarde (18:00, 19:00 e 20:00 horas).